Benvida

Ola a todos e a todas.!!



Dende o Departamento de Galego da EOI de Ponferrada queremos iniciar este novo curso lectivo cun blog no que o alumnado e todas aquelas persoas que o desexen nos fagan saber as súas inquedanzas sobre os diferentes eidos temáticos que iremos creando.

Agardamos as vosas colaboracións!



lunes, 16 de febrero de 2015

O ENTROIDO GALEGO


 "Unha época anual de troula, desenfreo e incluso de tolemia"

O máis salientable do entroido rural en Galicia, máis enxebre e de boa sona (Xinzo, Laza, Verín) é que percorre prácticamente todo o mes de febreiro, variando consonte ó calendario, coma festa rachada e licenciosa que antecede á Coresma, período durante o cal era obrigatorio o xaxún, a abstinencia e o recollimento interno xeralizado.
A orixe destas celebracións ancestrais situaríase na tradición celta, ao parecer de algúns, ou na cultura latina, debido ás semellanzas que amosan e que as achegan ás súas bacanais, xornadas dionisíacas ou ás antigas lupercais.
Os fitos ou xeiras máis importantes e respectados do tempo do Antroido (por orde cronolóxica), a partir do programado no máis longo do país- o de Xinzo de Limia, declarado Festa de Interese Turístico Nacional – e doutros diversos lugares, son:

O Sábado do Petardazo: É o punto de saída e principio de catro semanas de xolda e transgresión, co permiso das autoridades. Os fogos artificiais deixan paso xa ao Domingo Fareleiro.

O Domingo Fareleiro: Trátase dunha batalla na que participan xentes de tódalas idades. Os proxectís redúcense a fariña mesturada con farelo, ovos podres, borralla, betumes, lama, feluxe,formigas…, dependendo das zonas.

O Sábado do colgamento do Meco: É un personaxe do cal non se pode prescindir. Un home de pouca categoría, que vai adobado con detalles que provocan a risa. Lévano polas rúas nun carro vello e fanlle toda clase de mofas e brincadeiras. Unha vez chegado o séquito coa banda de música á praza, cólgano e alí ficará nese estado ata o remate do ciclo festeiro.

O Domingo Oleiro: Representa unha alancada máis para que medre a intensidade da xoldra. É coma un xogo no que se pasan recipientes de barro, xerros e demais cuxo contido é o viño. Se algún dos que lles toque a quenda deixa caer a ola ao chan, perde e veise no deber de convidar aos seus compañeiros a unha rolda no bar ou taberna.

Xoves de compadres: este segundo xoves de gozo é o acaído por mor de protexer as mozas uns bonecos ridículos feitos de palla e trapos vellos. Os homes tentan apoderarse de eles co fin de queimalos no lume e as rapazas os agochan todo o que poden.

Sábado das Mulleres: É unha data na que cobran o exclusivo protagonismo as mulleres. A víspera do Domingo Corredoiro saen en grupos a cear fóra, nos establecementos hostaleiros. Logo continúan con bailes e divertimento na Praza, ao son de charangas.

Domingo Corredoiro: É o momento axeitado para fachandear da orixinalidade das “pantallas”, tan ben elaboradas. A mañá vai dedicada ás “Raínas”, é dicir ao sexo feminino. E no serán é a oportunidade agardada do sexo masculino, participantes que van atrapallados dunha maneira chamativa: “Os Capuchóns”.

Xoves de comadres: Invírtense os termos e agora tocaralles aos homes non deixarse levar os monecos estrafalarios. As súas correspondentes axudaranse da súa habilidade e tentarán levalos “á queima”.

Venres, Sábado, Domingo, Luns e Martes de Entroido: Son os días grandes, caracterizados por unha morea de actividades e intervintes. En cada eido local a súa especificade distíngueos, ás veces, das aldeas ou vilas veciñas.

Entre a grande cantidade e diversidade de xeitos tradicionais de disfrazarense os carnavaleiros só referiremos os máis comúns (e aínda co risco de esquecermos de outros tamén habituais): os boteiros, os peliqueiros, os choqueiros, os cigarróns, as madamas e galáns de Cangas e Vilaboa, os osos de Salcedo, os xenerais  da contorna da Ulla, os felos, os irrios, os charrúas…

O Luns de Farrapos: Convírtese nun dos días máis apreciados. Establécese un combate entre dous grupos enfrontados. Envoltas en farrapos vellos se atopan as borrallas do gando vacún. Con tales armas tíranse os uns aos outros o desagradable produto.

Mércores de Cinza: Á noite en certas localidades prodúcese xa o “enterro da sardiña”. Comeza a Coresma e en varias poboacións os veciños, provistos de botafumeiros artesanais, “prantan lume” con eles a moitos obxectos que cheiran moito e deixan unha atmósfera fedorenta: calzado,…

O Enterro da Sardiña: Nestas alturas da Gran Festa chegou o intre no que cómpre pensar en remata-la festa. Por conseguinte, en bastantes lugares préndese lume á saborosa sardiña, non sen previamente laiarse viúvas e o resto de persoas afectadas coa fin da esmorga. Asemade aprovéitase a ocasión para facer un relatorio aos gobernantes das aldraxes sofridos.

O Domingo de Piñata: O costume é de pendurar dunha corda sacos ou envurullos. Tanto nenos como maiores, cadanseus pola súa banda, probarán a súa axilidade e… ao mesmo tempo a súa sorte.

O antes exposto é sinxelamente un apuntamento cativo e, nese senso, unha invitación a coñecer o inmenso patrimonio cultural, antropolóxico, social, histórico, lingüístico, xeográfico, popular, rural, relixioso, lexendario, imaxinario… do Entroido en Galicia. 
O anterior é un breve resumo, xa que a variedade, riqueza e interpretacións sobre “O Entroido” galego daría o pretexto a prol de analiza-lo e debullar á súa esencia nun conxunto de textos desde perspectivas complementarias e adaptadas: antropolóxicas, culturais, costumistas, tradicionais, sociolóxicas,…

Desexo que os que leades estas elementais anotacións teñades os folgos necesarios e a curiosidade esperta para afondar e pescudar nun tema que coido que é atraínte e apaixonante.
                                             Marcelino B. Taboada


Imaxes: www.xinzodelimia.es, uso non comercial).







No hay comentarios: