Benvida

Ola a todos e a todas.!!



Dende o Departamento de Galego da EOI de Ponferrada queremos iniciar este novo curso lectivo cun blog no que o alumnado e todas aquelas persoas que o desexen nos fagan saber as súas inquedanzas sobre os diferentes eidos temáticos que iremos creando.

Agardamos as vosas colaboracións!



miércoles, 18 de enero de 2012

COMENTARIO SOBRE A PRAIA DOS AFOGADOS

A PRAIA DOS AFOGADOS

Eu lin “A Praia dos afogados” de Domingo Villar. Creo que hai tempo que non gozaba tanto cunha lectura aínda que é unha novela voluminosa de 504 páxinas.
O argumento é o seguinte: Nunha Praia de Panxón, na ría de Vigo, aparece o cadáver dun mariñeiro coas mans atadas cunha brida de plástico. Os veciños falan dun suicidio mais as primeiras investigacións amosan unha realidade diferente que levará o inspector Leo Caldas a mergullarse no ambiente mariñeiro da vila. Este inspector, facendo unha primeira referencia cinematográfica, fainos lembrar de Truman Capote cando chegou a unha vila de Texas afastada do mundanal ruído para escribir o libro “A sangre fría” baseado nun asesinato dunha familia composta por un matrimonio e dous fillos cometido por dous homes sen piedade. O escritor americano neste caso mergullábase nun mundo totalmente descoñecido e estraño para el.
Leo Caldas sempre está acompañado do seu amigo e compañeiro Estévez que actúan coma farían Sherlock Holmes e Watson nos coñecidos libros de Arthur Conan Doyle (ademais poderiamos comparar as brétemas galegas coa néboa londinense), mais cun toque cómico e desdramatizador ás veces que fai lembrarte doutras parellas máis da nosa terra coma poderían ser Don Quixote e Sancho Panza. Esta comicidade vese por exemplo cando Caldas pide sempre que Estévez o recolla moi cedo no seu coche e Estévez o que quere é durmir o por exemplo cando Estévez ameaza moitas veces con golpear algunha persoa que foi detida e nunca fará isto salvo nunha ocasión. Supoño que a novela de Eduardo Mendoza titulada “A asombrosa viaxe de Pomponio Flato”, que narra as aventuras dun detective romano en tono cómico e onde a trama detectivesca orixinal e irónica desemboca nunha sátira litteraria, non estará moi lonxe como fonte de inspiración da novela da que estamos falando.
Por último é preciso dicir que as  novelas do escritor  catalán Manuel Vázquez Montalbán protagonizadas por Pepe Carvalho poderían xogar tamén un papel moi importante coma base literaria de “A Praia dos afogados”.
Coma diciamos trátase dunha novela de suspense e misterio e aseméllase a outras novelas galegas moi recomendabeis coma “A lei das ánimas”, “Crime en Compostela” ou incluso “Trece badaladas”. A novela da que falamos ten a novidade, en cambio, de atoparse dentro dun ambiente mariñeiro sendo moi ricas as descricións sobre cuestión mariñeiras (páxina 120) utilizando moito léxico da mariñería: “bicheiros” ,”nasas”, “cabos”, “chumbadas”, “anzois”, “vermes de plástico”, “cebos artificiais”. É moi curiosa a descrición tan viva que fai da acción dos percebeiros (páxina 338) : “Cada vez que unha onda se retiraba, o home da rocha descendía ata a franxa escura e raspaba a pedra coa rapa para desprender os percebes adheridos nela. Logo, cando o compañeiro avisaba desde o barco da chegada dunha nova onda, o percebeiro subía lixeiro para ponerse a salvo. Unhas veces facíao coas bolsas da cintura máis cheas, outras soamente aliviado por salvar a vida” .
Tamén se atopan descricións físicas moi ricas: “Era un home vello.Baixo a viseira da gorra de capitán, unhas cellas espesas, un nariz ganchudo e uns ollos vivaces rodeados de engurras que o sol e o sal se encargaran de cicelar” (páxina 185); “Levaba posto un traxe escuro e gravata, e Caldas preguntábase se a poñería para o enterro ou se sempre vestiría daquel xeito. Era un home delgado, non demasiado alto. O pelo escuro, liso e abundante, peiteado para atrás” (páxina 192).
O libro xira en torno a un feito que ocorreu no pasado: o afundimento dun barco capitaneado por un tal capitán Sousa que morreu e que ,polo que se di del, recorda o célebre protagonista do libro Moby Dick de Melville, e que estaba acompañado de  tres homes que logran salvarse cuxos nomes son Arias, Valverde e Castelo que é o que se suicida presuntamente once anos despois ao recibir ameazas coma o escrito de “Asasinos” que aparece na sua chalupa, tamén chamada nalgunha ocasión macana, que remite a ese nome máxico de MACONDO que era a vila ficticia onde transcorría a novela “Cen anos de soidade”  do colombiano Gabriel García Márquez
A propósito dist,  a novela tamén posúe un léxico moi rico: palabras pouco coñecidas coma “estomballado” (tirado no chan), “escangallado” (desfeito), “escolmado” (elexido) o “estragado” (destruido).
O autor do libro parece ademais querer fachendear dos seus coñecementos musicais cando cita unha canción de Gershwin que asubiaba con frequenza o mariñeiro Valverde e que funciona na novela coma auténtico leit-motiv. Tamén é mencionado o cantante Leo Ferré nun par de ocasións:
  • Avec le temps, avec le temps, va, tout s´en va,
Caldas recordou:
  • Iso era de Léo Ferré, verdade?
      Trabazo asentiu, e virou o pulso facendo avanzar o barco entre                 as boias.
  • Léo Ferré- repetiu-.Á túa nao encantáballe. (páxina 274).

Leo Caldas recorre tamén  á unha película que viu varias veces na sua infancia e que lle deixou unha impronta traumática para toda súa vida: “Capitáns intrépidos” cando viu nunha grande pantalla o protagonista morrer vítima dunha tormenta.
Noutra ocasión cítase o argumento dunha película mais non se di o título: “Recordou unha película que vira con Alba. O protagonista era un ancián que percorría centos de kilómetros montado nunha máquina de cortar césped”.
Tamén pode ocorrer que no noso subsconcente apareza unha película americana dos anos corenta  chamada “O pantasma e a señora Muir” cando se fala de que o espectro do capitán Sousa foi visto na vila.
A propósito disto e para non esquecer que se trata dunha novela  galega menciónase que Castelo tamén chamado o Rubio levaba sempre enriba varios amuletos deses que se empregan para protexerse xa que Galiza sempre foi unha terra de meigas.
Hai ademais algunha que outra interesante referencia histórica : “Nas primeiras décadas do século XX, o párroco e os fregueses de Panxón decidirán demoler a igrexa antiga, que quedara pequeña, para construíren unha dun tamaño maior. Sabedor desas intencións, o arquitecto Palacios viaxou ata a vila e convenceu os vecinos para que respectasen o arco visigótico que escondía a vella capela. A cambio, Palacios comprometeuse a realizar os planos dun novo templo consagrado á xente do mar” (páxina 198).
Por certo dicir tamén que cada capítulo ábrese cunha palabra que será determinante en dito capítulo e a súa definición, por exemplo: “afogar. 1. Matar impedindo respirar, en particular somerxendo nun líquido”
Para rematar quero recomendarvos vivamente este libro sobre todo aos afeccionados do que se coñece coma novela negra e porque non, tamén aos apaixonados deste xénero cinematográfico xa que o inspector Caldas irá descubrindo un mundo turbio e inquietante coma lle ocorría ao protagonista da película Chinatown que cando todo lle parecía claro e evidente  abríanselle outros camiños o vías realmente sorprendentes e que daban un xiro de cento oitenta graos ao que el supoñía coñecer.

Alejandro Álvarez Fernaud.
1º Curso de Nivel Intermedio

No hay comentarios: