Benvida

Ola a todos e a todas.!!



Dende o Departamento de Galego da EOI de Ponferrada queremos iniciar este novo curso lectivo cun blog no que o alumnado e todas aquelas persoas que o desexen nos fagan saber as súas inquedanzas sobre os diferentes eidos temáticos que iremos creando.

Agardamos as vosas colaboracións!



jueves, 6 de marzo de 2014

O "BOTILLO", O REI DA GASTRONOMÍA BERCIANA



Este manxar dos Deuses é unha nota de identidade externa da idiosincrasia dos bercianos, conxuntamente coa súa bandeira branquiazul ou "cruceira" e o himno enxebre de "A Ponferrada me voy".
O termo provén do latín "botellus" ou "botulus", tal como dan a entender as súas derivacións ou variantes en diversos eidos territoriais: "botillo" no Bierzo, botelo ou butelo en Ancares e na parte noroccidental lucense, butiellu o botiellu en Asturias, butêlo nunha zona de Portugal, budello en italiano, boudin en francés, lloscu na comarca da Cepeda, "choscu" coma unha mestura berciana e máis asturiana ou patsueza.
Polo que fai ao significado de antigo, e que aínda se conserva minimamente, coido que temos que nos referir a tipos de embutido variados: salchicha, salchichón ou chourizo. En canto á súa tradución cómpre definir a verba de referencia por "tripa grossa, ou tamén bandullo do porco".
A composición e maneira de axeitar un botelo ten que cumprir as seguintes regras, obrigatoriamente:
- Encherse, con prioridade, a tripa cega do cocho respectando as adaptadas proporcións: entre un 65 e 90% de costela, entre un 10 e un 20% de rabo e aconséllase outrosí engadir un chisco de carne magra. As especias máis acaídas e necesarias son o sal, o pemento (doce e unha presadiña de picante) e o loureiro. O segredo dos botelos máis saborosos e gustosos non se permite desvelalo (Pajariel e El Abuelo Manuel). Depende a súa calidade doutros aspectos: o modo de remecer e adobar, a utilización doutras compoñentes: lingua, queixada, paleta, espiñazo ou soá,... Noutro canto o tempo e as condicións de temperatura e humidade, a porcentaxe do extracto seco nos ingredientes totais, a clase de madeira empregada (carballo, varas de vide ou "vidillois" en Valdeorras, loureiro,...) e, ante todo, a adega ou lugar onde se cure e afume son definitivas por mor de obter un produto salientable. Ben sabemos disto os bercianos, xa que os aires dos Montes de León ou da Serra de Xistredo constitúen unha condición decisiva (o mesmo que a orientación) e/ou excluínte.
Co gallo de non espallar demasiado as explicacións (para o que cumpriría dispoñer de moito espazo) tan só farei un relatorio ou enumeración dos títulos, a partir dos cales faría falta desenvolver unha morea de apreciacións:
- A orixe ou procedencia do botelo (o Bierzo Alto, a familia Arias de Molinaseca,...).
- O costume consolidado na nosa terra de despedir ou afastar O Entroido (Entroito, no dialecto do Bierzo), reservando e gardando o exemplar mellor feito e grande para xantar no Martes de Carnaval (a piques de comezar a Coresma).
- A tradición, dende o ano 1979, de outorgar o "Botelo de Ouro" do Partido do Bierzo a unha persoa ou colectivo cuxa traxectoria na difusión dos nosos valores sexa remarcable ou digna de recoñecer.
- Todas as ditas, romanzas, cancións ou obras literarias nas que se lembre e gabe "o rei botelo".
- A Festa do Botello de Bembibre, como acontecemento senlleiro que transcende ó noso limiar.
- O "récord" acadado polos nosos amigos do "Lar do Bierzo 1821", ao elaborar un embutido - a imitación do botelo- que pesou 10,2 kgs., do cal "papamos" uns 200 comensais a base de paellas xigantes.
- A proposta de vencellar o embutido máis representativo e sobranceiro dos bercianos coa súa irmá- a androlla- e achegar Bembibre e A Fonsagrada, a través das dúas especialidades culinarias.
- A mudanza do botelo, de ser un complemento perfecto a constituírse nun prato único, gornecido ou adobado cos cachelos, repolo ou verza, uns chouriciños,... e acompañado cun bo viño tinto "mencía" do Bierzo ou Valdeorras.
- As novas presentacións do botelo, na dita ou chamada "cociña creativa". Neste senso convén agradecer a mostra de pinchos de botelo, recén levada a cabo na vila bembibrense.
Teño a teima sempre de propoñer aos interesados no tema de amosarlles a miña convicción: "o botelo dá para moito e cumpriría investigar a relación deste e outros pratos típicos coa intrahistoria da sociedade na que xurdiu e logrou unha relevancia indiscutible".

                                                                                                                          Marcelino B. Taboada

No hay comentarios: