Benvida

Ola a todos e a todas.!!



Dende o Departamento de Galego da EOI de Ponferrada queremos iniciar este novo curso lectivo cun blog no que o alumnado e todas aquelas persoas que o desexen nos fagan saber as súas inquedanzas sobre os diferentes eidos temáticos que iremos creando.

Agardamos as vosas colaboracións!



domingo, 22 de diciembre de 2013

O APALPADOR: 'A ANTÍTESE DO SACAMANTEIGAS, DO SACAÚNTOS E MAIS DO HOME-LOBO OU LICÁNTROPO'


Un personaxe que xa vén de antano e moi enxebre, ao vir vencellado co tempo do Nadal- na nosa contorna berciana- é O Apalpador, Apalpabarrigas (ou Apalpabandullos) ou tamén chamado "Pandigueiro".
Os nomes xa ditos refírense a unha figura mítica do imaxinario común dos bercianos. Segundo tense relatado na tradición oral trataríase dun home que baixa na "Noite Boa" e/ou na "Noite Vella", por mor de proceder ao repaso da saúde dos cativos. Se perante o ano que ía rematar comeron dabondo, deixáballes unhas presadas de castañas e ás veces algún que outro agasallo. Ao mesmo tempo desexáballes que gozasen do Ano Novo e que o mesmo viñese cheo de ledicia e bon xantar.
Hai certas romanzas e cancións populares que tamén, e aínda na actualidade, son recitadas ou cantoreladas nas coñecidas como "Noites do Apalpador" co obxecto de avisar ou facer saber aos cativos da inminente chegada do Apalpador, e que por iso cómpre irse axiña a deitar. A xeito de expoñentes da urxencia poden servir estas estrofas ou retrouxos:
"Hoxe é día de Nadal,
día do Noso Señor
ide correndo a acostarvos,
que virá o Apalpador."
"Hoxe é o día do Nadal,
vaite meniño a durmir
que vai vir o Apalpador,
a mirarche a barriguiña."
"Hoxe é día de Nadal,
vai caer unha farrapada
e virá o Apalpador,
cunha morea de castañas."
"Por aqueles montes,
que xa se ven alumeados
o señor Apalpador,
vén para traervos o aguinaldo."
Este ser case mitolóxico teimou por poñerse de moda nestes pasados anos. Na comparativa, viría representar o contrario, en termos sustanciais, ao "home do saco ou do costal".
O apalpador instalouse daquela dos "tempos da fame" no eido do rural, preto da Serra do Courel. Esta se atopa nun dos limiares do noso país berciano. As súas calidades máis salientables resúmense en poucas verbas: falagueiro, amigo dos pequenos e o senlleiro "carteiro" real que achegaba agasallos e doces aos seus abundosos e agradecidos destinatarios. Ademais coidaba da correcta alimentación e tentaba aportar unhas achegas coa fin de axudar a medrar aos "pícaros" e a que os nenos se mantivesen con boa saúde.
Nesta procura a prol da infancia quedou a súa extraordinaria sona esvaída co paso das sucesivas xeracións. Este costume, por outra banda, quíxose espallar arreo en Galicia polo que fai á creación dun "novo sinal de identidade", maila que O Apalpador ben puidera ser de orixe berciana. Lembremos neste senso o seu oficio: carboeiro. Porén, estas cavilacións refórzannos no convencimento da súa vixencia limitada; e, no canto da xeografía, só abranguería unha zona a incluír dintre dun espazo onde se atopan aldeas ao cobixo e amparo do enigmático Courel.

                                                      Marcelino B. Taboada

No hay comentarios: